Un gran reto. Desenvolvemento de Agroint

04/11/2020

AgroInt

O control dos cultivos é unha das tarefas máis importantes nunha explotación agrícola. É un labor arduo que require moito tempo e paciencia. Moito máis se nos situamos nas grandes extensións de cultivo que podemos atopar en Arxentina, Uruguai ou Brasil. A revisión dos cultivos e a detección de problemas como pragas ou enfermidades realízase de maneira analóxica, cun caderno. Agroint é a solución que creamos en Dimensiona para a dixitalización completa e efectiva da monitoraxe de explotacións agrícolas.

Neste artigo veremos como xorde o proxecto Agroint, que funcionalidades ten, que vantaxes proporciona ao agricultor, que retos nos plantexou a súa construción e unha mirada de futuro.

Que é Agroint?

En esencia, “é a dixitalización do caderno de campo dun agricultor”, así o conta Ramón Rama, coordinador do proxecto. “ Agroint é unha app multiplataforma para a monitoraxe de cultivos. Os agricultores poden xestionar dunha maneira moi sinxela toda a información que producen os lotes (leiras, terreos) que teñen asignados”, sinala.

A App, dispoñible nas versións Android e iOS, ten a capacidade de xerar a información sobre os cultivos directamente no móbil e de sincronizarse a través dunha conexión a internet. “Os agricultores non necesitan ir aos terreos agrícolas co seu caderno con anotacións sobre herbicidas e fungicidas a aplicar aos cultivos”. Ramón apunta a unha axilización da xestión da información resultante das tarefas de control e revisión.

E é que aí recae outra das grandes achegas de Agroint. O agricultor indica a presenza dunha praga ou enfermidade e grazas á información contida na base de datos a App realiza recomendacións de que produto é a mellor opción a aplicar para solucionar o problema. A App aproveita a intelixencia de datos para xerar esta información. Ante o mesmo problema, outros agricultores utilizaron este produto e obtiveron bos resultados. A capacidade de compartir e acceder a esta información de forma sinxela e intuitiva é unha das principais vantaxes da aplicación.

Ademais, todas as tarefas pódense realizar off-line (sen estar conectado a internet). Previamente realízase a descarga dunha serie de bases de datos necesarias para a realización das tarefas. Unha vez volvemos ter conexión, a nova información sincronízase e actualízase. “A implementación desta función foi un dos maiores retos, xa que tiñamos que conseguir que esta sincronización fose áxil”, comenta Ramón. Esta necesidade xorde polas carencias de rede existentes en moitas das grandes explotacións agrícolas dos países que comentamos. O agricultor pode realizar o seu traballo sen preocuparse e tendo a garantía de que a información non se perderá por unha mala conexión.

Como funciona Agroint?

A app é moi intuitiva. O proceso é o seguinte:

  • Cada agricultor accede cun usuario e contrasinal e xera os seus lotes. Un lote correspóndese cunha extensión de terreo delimitada, por exemplo unha leira.
  • Os lotes asócianse a un establecemento. Os establecementos son as bases desde as que o agricultor sae cada día para realizar as tarefas de monitoraxe de cultivos.
  • Inicialmente concíbese para grandes extensións agrícolas, pero é escalable e pode aplicarse o seu uso a explotacións de menor tamaño.
  • No momento de dar de alta o lote identifícase cunha campaña. Por que se fai isto? Dentro de cada campaña hai unha serie de tarefas que teñen uns custos asociados. Deste xeito, e grazas á intelixencia de datos, podemos coñecer información tan importante como o rendemento dos diferentes tipos de cultivos que se intercalan nun lote durante un período determinado. Dentro de cada tarefa temos varias funcións: vixilancia, xeración de informes con fotografías, xeolocalización, proposta de tratamento, rexistro de choivas, estudo de chan, sementa… información de alto valor que antes se rexistraba de maneira analóxica co caderno de campo.

Como xorde o proxecto?

O proxecto nace como moitos outros, cun cliente que manifesta unha necesidade e a aportación dunha solución por parte de Dimensiona. Pero neste caso, o camiño chegou moito máis lonxe.

Tras a toma de requirimentos e varias reunións conxuntas chégase á conclusión de que a mellor opción para sacar adiante un proxecto da envergadura de Agroint é a asociación cliente/provedor.

O obxectivo de Agroint é agora chegar á maior cantidade de agricultores posible. Así, a ferramenta será de uso libre e calquera agricultor pode descargala de maneira gratuíta no seu móbil e acceder ao dashboard da App na súa versión web de escritorio. Deste xeito, grazas ao big data poden levar a cabo diferentes estratexias de negocio. Unha das vías máis interesantes é a explotación dos datos para achegar e conectar a agricultores con laboratorios provedores de solucións para pragas e enfermidades.

Tamén se incorporará un novo servizo enfocado a asociacións/cooperativas agrícolas. Grazas a esta nova funcionalidade, poderanse crear diferentes perfís de administrador con xerarquización de privilexios para poder realizar unha xestión eficiente dos terreos de cultivo.

Por último, unha das liña de melloras máis inmediatas sobre as que se está traballando é o sistema de alertas. Un exemplo: un agricultor detecta unha praga nun cultivo determinado. En canto incorpore a información, a App enviará unha alerta ao resto de agricultores de lotes próximos para que se anticipen ao problema.

Un gran reto. Desenvolvemento de Agroint

AgroInt

O proceso de creación de Agroint tivo prazos moi axustados. Con todo, chegouse a tempo grazas a un traballo sustentado na filosofía agile.

Nunha primeira fase realizamos unha conceptualización da solución TI. Basicamente, o que fixemos foi baixar a gráfica cada unha das funcionalidades e aspectos da app, facilitando a explicación e comprensión do que sería o produto final por parte do cliente. A partir de aquí comeza un proceso de desenvolvemento no que participan:

  • Moncho: xefe de equipo.
  • Isabel: deseño gráfico.
  • Jesús: back-end.
  • Gonzalo: front-end.
  • Jose: desenvolvemento móbil.

O desenvolvemento realízase mediante un proceso iterativo no cal todos van informando de avances con breves reunións diarias e cun constante fluxo de comunicación interna para facer máis eficiente o desenvolvemento.

Na súa versión móbil, Agroint desenvolveuse en Xamarin. Unha linguaxe de programación híbrida que permite correr a app sen problemas tanto en iOS como en Android. Por que se elixe esta opción? Unha linguaxe destas características permitiu un desenvolvemento moito máis veloz cun equipo reducido.

O futuro? En fases posteriores e cun volume de datos suficiente, o obxectivo é desenvolver ferramentas de análise preditiva baseadas en machine learning. “As posibilidades son infinitas”, sinala Ramón.

Agroint estará dispoñible para descarga en Google Play e AppStore a finais de 2020.

A big challenge. Agroint development